top of page

Silencios

Recórdao perfectamente. A primeira vez que a viu foi na escaleira. Ela acababa de chegar, e na escuridade da escaleira –a luz apagárase mentres buscaba o burato da pechadura- dedicouse a contemplala no medio daquel silencio. Agradecera que a casa non tivera ascensor. Que o oco da escaleira fose amplo, que ela non dese a volta para sorprendelo alí, contemplándoa.

De cando en vez cruzábanse na escaleira. Ela sorría, el tamén, e continuaban o seu camiño. Cada tarde, cando coincidiamos na taberna do Suso, non facía máis que suspirar. O día que entrou –buscar tabaco, creo- pegou un chimpo na cadeira, e non parou de acutifarme para que fose onda ela e a invitara a sentarse connosco. E alá que me fun, maldicindo a encarga. Era, é, fermosa coma o sol do verán. O cabelo escuro, negro como á de corvo -que diría o indio da película- caíalle liso sobre as costas, e os ollos, azuis, son deses que abrazan cando te miran.

Non me foi difícil presentarme. Resultou ser amable e doce. Simpática. Acababa de mudarse, de volta de París, despois de aprobar unhas oposicións a non sei que cousa da Administración. Érame difícil atender ás súas palabras, pero conseguín lembrar a miña encarga e convideina a sentar connosco. Aceptou. Aínda non coñecía moita xente do barrio, dixo. Deixeina ir diante, e vin como el se erguía para arredarlle a cadeira e acomodala.

Vin que inchaba como un globo e dubidaba. Mirouna. Miroume, desesperado.

Entón as mans dela voaron para dicir:

- Non necesitas intérprete.

Tags:

Featured Posts
Recent Posts
Archive
Search By Tags
Follow Us
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page